Lydia Botana tamén fala portugués

«[…] «Eu sempre tiven iso de contestar na lingua que me falan, por educación. E falar o galego axudoume a desenvolverme en seis linguas [galego, castelán, inglés, francés, italiano e portugués]», asegura desbotando o sambenito da falta de utilidade do idioma. «Medrar nunha terra onde se falan varias linguas é unha riqueza», non dubida […].

De adolescente empapouse do galego no conservatorio e o idilio comezou. Á primeira banda que tivo, un trío feminino, xa lle puxo nome galego, Deixaví. «A batería falaba sempre en galego e chamaba a atención. E aí vólveste reivindicativa. Daquela eu escoitaba reggae e punk brasileiro. A primeira reivindicación miña do galego foi esa. Logo chegaron os e-mails, e púxenme no enderezo Bolboreta, que é a miña palabra favorita. Xente de Arxentina e Australia chamábame Bolboreta! Ou Bolbo…», ri.

Para ela, o galego «fainos únicos» e é un modo de reivindicar as raíces. Con isto, voa na súa mestizaxe de lingua cara ao futuro. «Souben hai pouco que un dos meus bisavós estivo no cárcere por defender as súas ideas en galego», evoca. «Hai que coñecer a nosa historia —di—, saber que se tentou erradicar a nosa esencia como pobo. E despois que cada unha elixa a lingua na que quere falar».

«Santiago foi a primeira cidade na que puiden falar galego no bus, nun banco, no súper…», dixo quen viviu tamén en Vigo e Ourense. «E en Brasil poucos sabían que a súa lingua naceu onda o galego. Eu que alí collía moito Uber, con todos os taxistas falaba disto! Contáballes: ‘Son de Galicia, onde naceu a vosa lingua’», recorda a multinstrumentista que abraza a mestura de linguas, pobos e sons. «O galego non é só para falar de música ou de cultura galega. É para todo, para o mundo! Para min é un orgullo que me digan que teño acento galego noutras linguas», reivindica […].»

Cf. La Voz de Galicia