Don Ricardo Carballo Calero desde os tempos da «Lúa Nova»

Carvalho Calero, en 1978 © http://deferrolparaelmundo.blogspot.com.es/

Xulián Maure Rivas (cf. Praza Pública): «Don Ricardo Carvalho Calero (nacido Carballo Calero) merece unha explicación. Non son eu o máis indicado para dala, pero si podo achegar pequenas luces que iluminen escuras preocupacións de quen traballou pola súa terra sen deixar de sorprender cada día a alumnos e colegas. Cando cheguei a universidade de Compostela, para moitos D. Ricardo era o profesor máis culto da Facultade; as súas licenciaturas en Dereito (1931) e en Letras con premio extraordinario (1935) foron as portas que lle abriron un longo camiño, onde corenta anos máis tarde seguía pisando con autoritas nas aulas compostelás.

Ademais de ser alumno seu, tiven relación con D. Ricardo como editor, cando en Galicia había a necesidade de dispoñer dun sistema ortográfico para poder editar libros en galego, destinados fundamentalmente ás novas xeracións. Faltaba máis dun lustro para termos a Lei de Normalización Lingüística de 1983 e os editores galegos tiñan que escoller entre as normas da Real Academia, elaboradas por Carballo Calero, e os métodos de galego que editaran no Instituto da Lingua Galega. A falta de unidade nas teorías lingüísticas, nos intereses de grupo, na visión do futuro e nos criterios pedagóxicos facía imposible que os editores chegasen a ter unha norma segura, con varios lustros de estabilidade, para o traballo editorial que cumpría en Galicia tras a ditadura que rematara en 1975.

Como editor para Galicia da editorial Anaya, programei os primeiros libros de lectura en lingua galega destinados aos cinco primeiros cursos de EXB, serie que levou o nome de «Lúa Nova». Para poder editalos convencín aos responsables do Instituto da Lingua Galega da necesidade de promover un seminario para a unificación das normas lingüísticas do galego. Foi un longo traballo desde decembro de 1976 a xuño de 1977. Así foi recollido por Manuel Rivas na revista Teima de maio de 1977: “Ante a necesidade inmediata de ter un galego fixado prós textos escolares denantes das eleccións, e a traveso do Instituto da Lingua Galega (ILG), convocáronse en decembro unhas xuntanzas que se viñeron celebrando hastra agora e nas que participaron lingüistas, escritores, mestres, etc. Xa hai uns acordos mínimos, acordos que, ó estaren presentes representantes de diversas «tendencias» veñen ser unha base moi importante para acada-la tan desexada normativización”. Rivas titulou o seu artigo “Poñerlle pés á escrita” e deu conta dos participantes nas reunións do seminario, primeiro quincenais e de contado semanais, distinguindo entre os que levaban o peso do traballo e asistían practicamente a tódalas reunións e os que participaron nalgunhas das sesión. No primeiro grupo estaban “Constantino García, Antón Santamarina, Camilo Flores, Xosé L. Rodríguez, M. González González, Charo Álvarez, Francisco Fernández Rei, Xosé-Martiño Montero Santalla, Torres Queiruga, Paco Martín, X. L. Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Xulián Maure, Xoan Babarro, X. Alonso Montero, Arturo Reguera, X. Mª Lema Suárez e Felipe Martínez Marzoa”. No segundo grupo estaban incluídos “Carballo Calero, Paco del Riego, Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Rábade Paredes, Valentín Arias, Ramón Lorenzo, Xosé Chao Rego, Xosé Fortes Bouzán, Manuel Espiña, Mª Camino Noia, Salvador García Bodaño, Alfredo Conde, Ramón Fraga, Carlos García Martínez, Guillermo Rojo, Harguindey Banet, Manuel Vidán, Masó, Ricardo Palmás, Ríos Panisse e Baltar”. Algúns deste último grupo asistiron soamente unha ou dúas veces, cando coincidía o seu paso por Santiago cunha xuntanza do seminario.

Don Ricardo asistiu ás primeiras reunións e deixou de asistir xustificando a súa ausencia por ter convocado, tamén para os sábados, un curso de doutoramento. O certo é que o protagonismo dos membros máis novos do ILG, que dispoñían de toda información recollida para o Atlas Lingüístico de Galicia, reduciu as actuacións dos académicos a pouco máis que a súa presencia. Antigos alumnos de quen era o único catedrático de Lingüística e Literatura Galegas elaboraban as propostas que despois entre todos –lingüistas, académicos, profesores, escritores, editores, mestres, xornalistas– discutían, modulaban e finalmente votaban. Se había unha boa maioría, acordaban e pouco a pouco en seis meses entre todos aprobaron as Bases pra unificación das normas lingüísticas do galego. Estas cousas das normativas ortográficas, comentou xa desde fóra D. Ricardo, non se poden facer con votacións democráticas.

Os distintos autores da serie de lecturas escolares «Lúa Nova», todos eles participantes no seminario, tiveron que esperar a que as Bases pra unificación fosen publicadas e apoiadas polas institucións. Segundo o académico D. Ramón Piñeiro, que participou ata o final no seminario, a urxencia da publicación e distribución non aconsellaba solicitar da Real Academia Galega unha coedición das Bases co ILG da Universidade de Santiago, pois a RAG crearía unha comisión interna, que dirixiría Carballo Calero, e tardarían máis dun ano en dar resposta.

Xa estabamos no último trimestre de 1977 e como editor de Anaya decidín facer unha edición non venal das Bases para distribuír entre o profesorado de Galicia como agasallo de Nadal. Propúxenlle a D. Ramón Piñeiro que polo menos conseguise do Presidente de RAG un limiar para esta edición. Pediume un borrador e a volta de correo García Sabell devolveuno co engadido do adverbio “fundamentalmente” para destacar o “valor experimental das normas propostas”. A edición saíu polo Nadal dese ano, con 16.000 exemplares que se repartiron entre xornalistas, escritores e o profesorado galego. En poucos días D. Ricardo Carballo Calero xestiona tamén unha reedición de Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego que publicara a Real Academia Galega seis anos antes (1971).

Para os que elaboraran as Bases o futuro de Galicia estaba na alfabetización das novas xeracións galegas. A normativa ortográfica proposta estaba destinada máis para poder escribir a nosa lingua que para ler os nosos escritores, pois lendo non se cometen fallos ortográficos. Este paso atrás de D. Ricardo afastou vidas e afectos, ruptura que aínda hoxe moitos lamentan. Pero sobre todo creou unha polémica que invadiu xornais, revistas, libros de conversas e loitas académicas que ninguén ten ánimos de celebrar.

Cando un se achega a esta literatura polémica sobre a ortografía aparecen os distintos obxectivos que moven o debate: desde buscar un instrumento de comunicación escrita para a comunidade lingüística galega, ata facilitar unha aproximación política entre Galicia e Portugal dentro dunha futura “Confederação Ibérica”; desde facilitar a aprendizaxe da lectoescritura mediante unha ortografía guiada pola fonoloxía da lingua oral ou, pola contra, retornar a criterios etimolóxicos que resuciten formas arcaicas sen correspondencia coa lingua actual. Non é infrecuente que nestes debates aparezan sintagmas, que nada teñen que ver coas disciplinas lingüísticas, como “ortografía patriótica” ou “escritores traidores”. Estas expresións esconden soamente sentimentos de autoestima feridos ou de defensa de grupos de militancia singular, moi lonxe de planificar un instrumento de futuro para a creación e comunicación escrita.

Era 1980 e os cinco libros escolares da serie de lecturas galegas «Lúa Nova» estaban xa repartidos por moitas escolas de Galicia. Grazas ás Bases pra unificación das normas lingüísticas do Galego os editores tiñamos unha incipiente normativa ortográfica, pero que aínda non era oficial. Xa había un ano que fundara Edicións Xerais e estaba preparando co grupo de mestres Avantar a serie «O noso galego» para os oito niveis de EXB. Levaba a Consellería de Educación da Xunta de Galicia o profesor Alexandrino Fernández Barreiro e había pouco tempo que nomeara a D. Ricardo Carballo Calero presidente da Comisión Lingüística da Xunta de Galicia. Nesta Comisión tamén estaban dos profesores amigos polos que souben que as normas que Carballo intentaba aprobar eran do tipo “pódese escribir A, pero tamén se pode escribir B” como resumiu na súa tese Serafín Alonso [Serafín Alonso Pintos (2006): O proceso de codificación do galego moderno (1950-1980). A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 276]. Cada quen tiña liberdade para escoller entre varias posibilidades. Achegueime a Santiago para falar co conselleiro e, mesmo na porta do seu despacho, cadrei co meu vello profesor Carballo Calero. “Teñen que comprender, díxome, que a máis alta autoridade académica universitaria da lingua galega son eu”. Insistiume en que as normativas non se deben á democracia senón a aptitude e competencia dos redactores. Tentei sen éxito que o conselleiro evitase aquela deleiba. Pouco tempo necesitaron estas Normas ortográficas do idioma galego para demostrar a súa inviabilidade.

Cando en 1983 se aprobou a Lei de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia, centos de miles de libros de O Noso Galego dos oito niveis de EXB estaban xa repartidos por case todos os fogares con crianzas de Galicia. Todos estaban escritos coa normativa oficial das institucións académicas e políticas; as Bases elaboradas en 1977 pola lista de colaboradores que está ao comezo destas letras foron un paso que D. Ricardo non quixo dar coa maioría de colegas e antigos alumnos.

O Día das Letras Galegas de 1984 dedicouse a D. Armando Cotarelo Valledor. Tiña eu a responsabilidade, como subdirector xeral do libro, bibliotecas e arquivos, de editar un libro homenaxe a D. Armando e había de escoller os colaboradores. D. Ricardo xa levaba uns anos xubilado, pero conservaba un despacho na Facultade. Neste tempo aínda non firmaba Carvalho, pero na prensa e nalgunha revista xa usaba heterografías, sendo membro da Real Academia Galega. Citoume no seu despecho e agradoulle que lle pedise a súa colaboración para o libro que xa levaba título: A presencia de Armando Cotarelo en Galicia. Como non se podían admitir variantes fóra da norma oficial só quedaba a posibilidade que lle propuxen. “Entón que quere que lle faga sobre Cotarelo?” preguntou D. Ricardo. Pois, unha pequena antoloxía da obra literaria de D. Armando. “Moi intelixente, señor Maure”. E botou un sorriso. E en poucos día entregoume a súa “Escolla de textos galegos de Armando Cotarelo Valledor”.

Quen coñeza a súa vida de compromiso cultural e político, de prisión e represión administrativa, e sobre todo quen teña aproveitado o labor literario deste polígrafo, ten que recoñecer que ben merece a homenaxe do Día das Letras Galegas. Tamén é comprensible que os que sufriron atrancos no seu traballo de alfabetización das novas xeracións, os antigos alumnos e colegas de D. Ricardo que botaron a andar unhas Bases pra normalización en 1977, cando o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega non recoñeceu a grande sorte de poder ser un de tantos, o “primus inter pares”, é comprensible que a memoria non lles axude a celebrar este ano a nosa festa das letras.

D. Ricardo nos cinco últimos anos da súa vida deixouse converter no referente dos que mesturaban a crítica a administración galega coa defensa dunha heterografía teoricamente máis europea e presuntamente con máis futuro porque estaba próxima a ortografía portuguesa. Estes días, xentes que non naceran cando aparecera a «Lúa Nova», aproveitan o Día das Letras de D. Ricardo para defender unha escrita galega de presunta difusión universal, con marca de partido ou de sindicato, científica e patriótica ao mesmo tempo. O malo é que esta festa en este ano foi atacada por unha pandemia; en portugués, uma pandemia; e umha en que, D. Ricardo?

Val de Miñor, nadal 2020 .-X. M. Rivas»