En 2019 aconteceu este relevante evento que pretendeu ser un foro aberto sobre as cada día máis referenciadas e necesarias relacións entre Galicia e Portugal. En DGAP non queremos deixar de resaltar esta referencia imprescindible nos tempos que corren, agradecendo á Universidade de Vigo que publicase todos os vídeos do congreso.
A lusofonía, unha “vantaxe competitiva” para a economía galega
“Nun mundo cada vez máis globalizado e interconectado, as relacións históricas de Galicia con Portugal e os territorios intercontinentais de lingua oficial portuguesa sitúannos diante dunha oportunidade histórica”. Esta é unha das principais conclusións recollidas no libro Galicia e a lusofonía diante dos desafíos globais, resultado do III Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, que o pasado mes de marzo promoveron na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, o volume reúne as achegas de preto de 20 expertos e expertas de diferentes países e pon o foco na “vantaxe competitiva, empresarial, comercial, cultural, deportiva, social e cooperativa” que para Galicia supón o espazo da lusofonía, unha comunidade integrada por preto de 260 millóns de persoas.
Coordinado polos codirectores do congreso, os investigadores do Observatorio da Gobernanza Celso Cancela e Álvaro Xosé López Mira e o director do Igadi, Daniel González Palau, o volume pon de relevo nas súas conclusións a necesidade de “tomar medidas urxentes para materializar estas vantaxes comparativas”, sinalando como un dos “retos inmediatos” a potenciación do ensino da lingua portuguesa en Galicia.
Continuar lendo “A lusofonía, unha “vantaxe competitiva” para a economía galega”