Serán válidos os documentos galegos oficiais escritos en portugués

«[…] A proposición non de lei (PNL) a prol da igualdade das linguas que chegou ao Congreso da man da Mesa pola Normalización Lingüística e outras entidades que traballan a favor do éuscaro, o catalán, o valenciano, o asturiano ou o aragonés -Plataforma per la Llengua, Òmnium Cultural, Kontseilua, Nogará, Ciemen, Iniciativa pol Asturianu, Escola Valenciana e Acció Cultural del País Valencià- agardáballe un percorrido cativo ante a imposibilidade de sumar os apoios de PSOE e PP. Viuse no debate do pleno do martes, onde estes partidos esgrimiron razóns como a «inconstitucionalidade» ou o puro ánimo de «confrontación estéril» para non sumarse ao proxecto. O diálogo non daba froito, e as posturas semellaban incompatibles. O respaldo de BNG, Unidas Podemos, ERC, EH Bildu, PNV, Junts per Catalunya, PDECat, CUP, Más País, Equo e Compromís non alcanzaba.

[…]

Así ocorreu. E foi a maneira de que se lograra este xoves no Congreso a aprobación parcial da proposición non de lei, o que A Mesa pola Normalización Lingüística considera «un pequeno paso cara á igualdade» e o respecto do plurilingüismo en España, que debe ratificarse co seu desenvolvemento por parte do Estado. Neste sentido, o Parlamento instará ao Goberno central a recoñecer a pertinencia e a necesidade de facer oficial o galego nos territorios das comunidades de Asturias e Castela e León onde se fala -Occidente Asturiano, León e Zamora-, espazos nos que debe ademais favorecerse o seu emprego. Do mesmo xeito, e atendendo ao que recolle a carta europea das linguas rexionais e minorizadas, aprobouse permitir a validez en Galicia de documentos oficiais escritos en portugués -na medida en que ambas linguas integran o mesmo sistema lingüístico- e tamén a reciprocidade na recepción de radio e televisión.

E, en última instancia, o Congreso acordou demandar un «respecto real» ao galego -e demais linguas cooficiais- baseado no dereito de uso e no deber de coñecemento, o que abre o camiño para a igualdade xurídica plena das linguas. Este punto foi aprobado cos votos a favor de todos os partido políticos (PSOE e PP incluídos), agás Vox. A importancia deste aspecto, apunta A Mesa, reside na novidade do deber -que asistía ao castelán- con respecto ao galego, o que garantirá a obriga dos funcionarios do Estado de coñecer o galego e de atender desde a Administración estatal en Galicia calquera reclamación ou documento que estea redactado en galego. […]».

Cf. La Voz de Galicia (12/03/2021)