Lei galega para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía (2014)

Xunta de Galicia

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA

LEI 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

Exposición de motivos

No actual mundo globalizado, as institucións galegas, comprometidas co aproveitamento das potencialidades de Galicia, deben valorizar o galego como unha lingua con utilidade internacional, algo que indicou no seu debido tempo o autor a quen foi dedicado o Día das Letras de 2012, que chegou a exercer como vicepresidente da Comissão Galega do Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa.

O portugués, nacido na vella Gallaecia, é idioma de traballo de vinte organizacións internacionais, incluída a Unión Europea, así como lingua oficial de nove países e do territorio de Macau, na China. Entre eles figuran potencias económicas como o Brasil e outras economías emerxentes. É a lingua máis falada no conxunto do Hemisferio Sur.

É preciso fomentar o ensino e a aprendizaxe do portugués, co obxectivo, entre outros, de que empresas e institucións aproveiten a nosa vantaxe lingüística, un valor que evidencia a importancia mundial do idioma oficial dun país veciño, tendo en conta tamén o crecente papel de bloques como a Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa.

A lingua propia de Galicia, polo feito de ser intercomprensible co portugués, outorga unha valiosa vantaxe competitiva á cidadanía galega en moitas vertentes, nomeadamente na cultural pero tamén na económica. Por isto debemos dotarnos de métodos formativos e comunicativos que nos permitan desenvolvernos con naturalidade nunha lingua que nos é moi próxima e nos concede unha grande proxección internacional.

Continuar lendo “Lei galega para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía (2014)”

Da Lei Paz Andrade à Casa da Lusofonia

«A Deputación de Ourense, da man da Associação Impulsora Casa da Lusofonia , están a traballar para que a cidade das Burgas sexa sede dunha Casa da Lusofonía, dentro da rede de casas internacionais do Estado español. Trátase dunha nova iniciativa, sete anos despois da aprobación da Lei Paz Andrade en Galicia, para ter unha maior presenza no mercado económico, social e cultural do mundo lusófono, sacándolle todo o proveito ao potencial da lingua galega como lingua extensa , útil e claramente internacional.

Sobre todos os pasos dados neste sentido nos últimos anos, falamos co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco; co secretario xeral da Associação Impulsora Casa da Lusofonia e portavoz para a defensa da ILP Paz Andrade no Parlamento Galego no 2013, Xosé Carlos Morell; o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González Palau; e a escritora, psicóloga e integrante da Comissão Executiva do Patronato da Fundação Academia Galega da Língua Portugesa, Concha Rousia.»

Cf. NÓS televisión