«A Deputación de Ourense, da man da Associação Impulsora Casa da Lusofonia , están a traballar para que a cidade das Burgas sexa sede dunha Casa da Lusofonía, dentro da rede de casas internacionais do Estado español. Trátase dunha nova iniciativa, sete anos despois da aprobación da Lei Paz Andrade en Galicia, para ter unha maior presenza no mercado económico, social e cultural do mundo lusófono, sacándolle todo o proveito ao potencial da lingua galega como lingua extensa , útil e claramente internacional.
Sobre todos os pasos dados neste sentido nos últimos anos, falamos co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco; co secretario xeral da Associação Impulsora Casa da Lusofonia e portavoz para a defensa da ILP Paz Andrade no Parlamento Galego no 2013, Xosé Carlos Morell; o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González Palau; e a escritora, psicóloga e integrante da Comissão Executiva do Patronato da Fundação Academia Galega da Língua Portugesa, Concha Rousia.»
A Deputación sumará os seus esforzos aos da Associação impulsora da Casa da Lusofonia, ofrecendo tamén a súa disposición para que esta entidade teña a súa sede en Ourense. En xuntanza telemática co presidente, Daniel Lago, e secretario xeral, Xosé Carlos Morell, da Associacao impulsora da Casa da Lusofonía, Manuel Baltar plantexou a sinatura dun convenio entre ámbalas dúas entidades para conseguir un obxectivo “que entra de cheo coa Galicia que defendemos dedde a Deputación e cos evidentes vencellos coa lingua portuguesa”, dixo Baltar, engadido que Ourense “foi parte importante da Gallaecia, as nosas relacións con Portugal son innegables e seguimos dando pasos importantes como a entrada no Eixo Atlántico”. Na videoconferencia participou tamén o consultor Juan Carlos Piñeiro.
A Casa da Lusofonía pretende artellarse tendo en conta precedentes como a Casa de América en Madrid -1992-, a Casa Asia en Barcelona -2001-, a Casa África en As Palmas -2006- ou a Casa Árabe en Córdoba -2006-. Manuel Baltar recoñece o traballo feito pola Associaçao e quere que a Deputación de Ourense fortaleza esta iniciativa, que deberá contar con adhesións e procedementos tanto nacionais como internacionais para a súa materialización.
Segundo Manuel Baltar “trátase de poñer en valor a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía”. Na súa exposición de motivos déixase claro que “o portugués, nado na antiga Gallaecia, é idioma de traballo de vinte organizacións internacionais, incluída a Unión Europea, así como lingua oficial de nove países e do territorio de Macau, en China. Entre eles figuran potencias económicas como Brasil e outras economías emerxentes. É a lingua máis falada no conxunto do hemisferio sur.”
A proposta de creación da Casa da Lusofonía fala de cooperación, de identidade e de estratexia xeopolítica, un escenario onde cobra especial relevancia a CPLP (Comunidade dos Países de Língua Portuguesa), creada en 1996. A Deputación de Ourense súmase a este movemento e o fai asumindo o compromiso de acoller a sede da Casa da Lusofonía, “poñéndose a disposición da Associaçao e daqueles que se acheguen a esta reivindicación para que naza coa forza que merece”, afirma o presidente Baltar.