«Na passada quinta-feira 12 de novembro foi apresentado no Teatro Colón da Corunha o projeto audiovisual da AGAL “De Carballo a Carvalho. Percurso pola vida e obra de Carvalho Calero”. No colóquio posterior, aberto a muito pouco público com convite devido à emergência sanitária que padecemos, participaram Aser Álvarez, realizador e roteirista, e Pilar García Negro, entrevistada no documentário, para além do presidente da AGAL, Eduardo Maragoto, que se mostrou muito satisfeito polo desempenho da equipa realizadora, pois conseguiu “condensar a vida e o ideário de Carvalho sem perder de vista o objetivo didático e o público juvenil que pretendia atingir”. O presidente da AGAL lembrou algumhas passagens corunhesas da vida juvenil de Carvalho, informaçom que Garcia Negro completou no colóquio lembrando a intensa atividade de conferencista de Carvalho na cidade das Marinhas nos últimos anos da dua vida. A política corunhesa salientou, por outro lado, a pertença de Carvalho à geraçom de “nativos nacionalistas, em feliz expressom de Justo Beramendi” que levantou imensos projetos imprescindíveis para a língua e cultura do país. […]»
«Este 2020, a RAG acordou honrar co Día das Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), de quen a institución salienta o seu compromiso galeguista, que mesmo o levou a sufrir cárcere tras a Guerra Civil; a súa faceta de creador literario nos eidos da poesía, a narrativa e o teatro; o seu labor no campo da historia literaria galega, da que pode considerarse fundador coa monumental Historia da literatura galega contemporánea (1963); o feito de ser o primeiro profesor e catedrático de Lingüística e Literatura Galega; e a influencia, nos últimos anos da súa vida, das súas ideas sobre a lingua propia de Galicia.
«O Día das Letras Galegas honra en Ricardo Carvalho Calero non só a un escritor dunha ampla e variada obra, senón tamén a unha das persoas que máis pensou, estudou e defendeu o idioma. Esta última faceta, a de lingüista, é a que centrou a derradeira sesión do simposio que nas catro últimas semanas lle dedicou a Real Academia Galega ao autor de libros fundamentais para o idioma e o defensor de importantes teses que non estiveron exentas de discusión e polémica.
A directora da Sección de Lingua da RAG, Rosario Álvarez, actuou como moderadora das intervencións arredor das ideas lingüísticas de Carvalho, que definiu como «cambiantes ao longo do tempo», dende unha primeira etapa, cando accede ao posto de profesor universitario, á final, «marcada polo reintegracionismo, afastado do ideario inicial compartido polos seus compañeiros de xeración». Da análise desa primeira etapa ocupouse o académico Henrique Monteagudo, quen abordou o labor de Carvalho como filólogo entre 1950 e 1971 no contexto do grupo da editorial Galaxia e as súas intervencións decisivas na Universidade -no curso 1965/1966 converteuse no primeiro profesor de lingua e literatura galegas- e na propia RAG. Ademais de fixar o canon clásico das letras coa súa Historia da literatura galega contemporánea, Carvalho fixo o «esforzo titánico» de redactar nun tempo récord a Gramática elemental del gallego común, na que defendía «un sistema lingüístico autónomo, unha lingua nacional» e que foi un manual «utilísimo e indispensable para a aprendizaxe dos rudimentos gramaticais do idioma».
Pola súa banda, o profesor e investigador Serafín Alonso Pintos afondou no modelo de galego desa Gramática, onde se establece «un sutil e criterioso diálogo coa tradición do galego escrito literario». A cuarta edición de 1974 é a máis completa dende o punto de vista científico e nela Carvalho reafírmase «na teoría e na práctica que trazara para o galego literario en 1966». «O seu modelo de galego común, que nun camiño de ida e volta figura agora na gramática co aval da RAG, segue a coincidir co de máis emprego na época. Esta convención, con todo, resultaba cuestionada daquela, entre outros, por quen defendían que os galegos e galegas debiamos tomar o portugués como lingua única de usos cultos e tamén por quen postulaba que aquel modelo de galego literario resultaba artificialmente distante da fala espontánea», explicou.
A derradeira edición da Gramática, de 1979, xa recolle os cambios no pensamento lingüístico de Carvalho, máis próximo xa á ortografía portuguesa. Esa evolución foi analizada por Eduardo Maragoto, presidente da Associaçom Galega da Língua. Xa en 1975 escribira os primeiros de moitos artigos, publicados en La Voz, nos que defendía unha ortografía converxente co portugués. Así, sen ser o único inspirador, Carvalho converteuse «no principal pensador do novo movemento, no seu máis prestixioso divulgador e, tamén, no primeiro que levou á práctica os seus postulados ortográficos nun libro, Problemas da língua», segundo Maragoto. «Carvalho é o gran filólogo desta corrente. El forneceu o lusismo dun corpus teórico elaborado a partir de múltiplas abordaxes», engadiu.»