Eduardo Maragoto: “A comunicación interlusófona é a máis obvia”

«Estes días fálase moito do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), aprobado en 2004 e engabetado polo Decreto de Plurilingüismo (DP) en 2009. Son os documentos que hoxe polarizan o debate do galego, pois o BNG reclama o cumprimento do primeiro e o PP mantén en vigor o segundo. O panorama podería mudar co pacto proposto polo conselleiro López Campos, se houbese acordo entre os partidos.

Mais mudar, para onde? Se o novo pacto viñese impulsar un novo rumbo, eu só lle pediría unha cousa: sentido da desproporción. Porque, aínda que representen o oposto, tanto o DP como o PXNLG coinciden en ignorar o enorme desequilibrio entre galego e castelán. O primeiro, defendendo idéntico número de horas para cada lingua de ensino; o segundo, xulgando que para compensar as forzas bastará dar máis recursos e horas ao galego.

Mais a simple inxección de músculo pouco pode resolver xa. O PXNLG contén centenas de medidas que até poderían ter repercusión se o conxunto da sociedade tivese unha grande motivación para colaborar na súa aplicación, o que non parece. En sentido contrario, fáltalle estratexia a longo prazo, esquecendo o carácter global das problemáticas que enfrontan as linguas minoritarias e finxindo que non existen máis idiomas.

É sensato instalarse na idea de que o futuro do galego depende da porcentaxe de materias impartidas nel, como se o español aínda non dominase completamente os recreos? É razoábel menosprezar os argumentos utilitarios, como se adquisición do inglés non fose xa a principal preocupación lingüística da maioría das familias? Ten sentido finxir que non existe unha longa tradición de traballo que sitúa o galego, a través do portugués, entre as linguas de comunicación do mundo?

Non, non é. Por iso espero que nesta ocasión, en vez de actualizar normas que o máis lonxe que ven son ciclos electorais, ponderemos a lingua na súa verdadeira desproporción atribuíndolle funcións realistas que teñan utilidade para as seguintes xeracións. A comunicación interlusófona é a máis obvia.»

Cf. La Voz de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *