Bieito Romero: “Portugalicia”

«Unha vez máis volvín de visita a Portugal e de novo quedei abraiado coas similitudes existentes coa nosa Galicia. Con razón o imperio romano delimitou ate o Douro ou quizais un pouco máis a fronteira sur da antiga Gallaecia, e se o fixeron así por algo sería. Estiven de novo por Valença do Minho, Viana do Castelo, Porto e desta volta achegueime ate a histórica Barcelos nun día de feira. Calquera destas poboacións son exemplo claro de que os parecidos son moito maiores que as diferenzas. Quizais entre as que nomeei, Porto como gran cidade teña algunhas características máis diferenciadas que as outras pero depende por que parte da cidade se transite. Xa se sabe que determinadas fronteiras están trazadas por cuestións políticas puntuais que ás veces raian claramente co inconcibible pero que trocan con claridade o trazo da historia e este é un deses exemplos. O parecido nas paisaxes é tan grande que semella unha prolongación na que non hai diferenza algunha. O clima é tamén factor clave no que o océano Atlántico define esa similitude. A pedra granítica é a predominante e condiciona tanto a paisaxe como a propia arquitectura construída de tal xeito que calquera das partes antigas dun lado e do outro da fronteira son indistinguibles.

O carácter das xentes lembra o mesmo xeito de facer as cousas, de comportamentos similares e de vivir a vida dunha maneira que aínda se pode percibir na Galicia máis auténtica. Tamén a gran relixiosidade mesturada con ritos ancestrais de orixe pagá amosados de forma ininterrompida. E como di o cantor Fausto Bordalo: «E assim se faz Portugal, uns vão bem e outros mal», frase á que non lle falta razón. Mais a miña percepción, despois de diferentes visitas en distintos tempos, é a de ver un país que avanza, que mellora, que sinte orgullo de seu, e que non lle dá as costas ás súas tradicións e costumes proxectándoas ao mundo.

Encántame escoitar e aprender dese galego do sur que se deu en chamar portugués que é falado no mundo por máis de 250 millóns de persoas con moi diferentes «sotaques». E coma sempre, Portugal é un magnífico lugar para gozar, aprender e practicar o noso galego tan castelanizado.»

Cf. La Voz de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *