«O proxecto, con contidos dixitais, fai parte na Rede da Galilusofonía
A canle de comunicación Rádio Pessoas -no ar hai escasas semanas- naceu para dar voz á comunidade lusófona a nivel internacional e incluíu a Galiza como un dos territorios con principal protagonismo. O país figura como creador e destinatario das músicas e contidos culturais xunto con outras zonas do mundo con presenza do idioma portugués como Brasil, Cabo Verde, Angola, Timor Leste, Mozambique e o propio Portugal, entre outras. E conecta con ese mundo a través dun cadro de 50 colaboradores.
A través desta iniciativa que fai parte da Rede da GaliLusofonía, a Galiza amplía os lazos coa fala do país veciño, algo que o director xeral da iniciativa, Eron Quintiliano, considera totalmente normal e mesmo lóxico. “Levamos nove meses co proxecto e temos e teremos programas e músicas de todos os países de fala portuguesa; incluímos a Galiza pola relación histórica da lingua galaico-portuguesa”, sinala.
Desde o seu punto de vista, malia que en Rádio Pessoas estean representados territorios tan afastados como o país e San Tomé e Príncipe, por exemplo, cre que o público vai detectar os puntos en común.
“Portugal e Galiza é unha cousa soa, non facemos diferenza: temos unha cultura, un clima e unha gastronomía semellantes…”, reflexiona, ao tempo que destaca que no Brasil antes de “oficializarse” o portugués “falábase moito galego”.
Por iso, a axenda galega das industrias e eventos culturais e as músicas da terra terán a mesma cabida, de pleno dereito, que propostas de Guinea Bissau ou Angola. De feito, a radio difundirá contidos especiais con motivo do Festival Maré, que decorre en Compostela do 22 ao 26 de setembro.
“Do Brasil a Cabo Verde, pasando por Colombia, Mozambique, Catalunya, Angola, Portugal ou Galiza, Maré aposta de xeito decidido pola diversidade, o achegamento e intercambio cultural entre territorios e sociedades que comparten lazos lingüísticos, históricos e outros sentimentais”, di a organización do certame, e algo parecido quere ser esta nova emisora que aínda non ten dial.
Quintiliano avanza que o obxectivo é chegar tamén ao espazo tradicional deste medio (e lograr un millón de ouvintes diario), mais de momento a súa programación de 24 horas os sete días da semana está dispoñíbel unicamente na rede a través da páxina web radiopessoas.net. Con ese altofalante que é a rede, o país xa está detrás de programas como Gotas de Galego e Grandes Vozes.»
Cf. Galiza amplía lazos coa fala portuguesa coa estrea da iniciativa Rádio Pessoas